Cidadán Anónimo

2007-10-30

O Vixiante 3

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.04 pm

 Estou con Manoel no coche vixiando un sospeitoso de conduta a-social, coma case todos foi denunciado por algún viciño, e coma case todos é unha falsa alarma, aínda que por motivos de propaganda o departamento  obríganos a ter un índice de detención de catro individuos cada quincena, por iso  Manoel está bastante inquieto hoxe, porque levamos xa trece días e só detivemos tres individuos, e se non cumprimos co cupo perdemos a prima salarial desta quincena, non fai máis que queixarse porque se non consigue a prima non lle poderá mercar unha nova I.M.G. ao seu fillo co último xogo virtual que tanto está de moda, “o queima libros” creo que lle chaman, a Manoel faille moita ilusión porque o protagonista do xogo e un controlador social que ten que ir rexistrando vivendas das distintas cidades do mundo libre requisando os libros prohibidos para despois levalos ao crematorio. ¿Canto vale I.M.G.?, lle pregunto para amosar unha certa interese na conversa, aínda que a min estas cousas non me parecen nada interesantes, mais ben me producen unha enorme indiferenza,  pero hai que mostrar unha conduta social axeitada, teño que ter coidado con Manoel, porque aínda que sexa o meu compañeiro, sei que me ten por un bicho raro, e os dous sabemos que o departamento nos obriga a denunciar a un compañeiro sempre e cando pensamos que teña comportamentos estranos, e se por calquera motivo non o fas e logo amosa unha conduta pre-a social ou a-social, tamén che toca un curso de obrigatorio de seis meses cos psicólogos do endereitamento por cómplice. Dous centos Eulars, o sexa toda a prima quincenal ao tacho, me deu por soltarlle, ¿porqué ao tacho?, ¿non che parece unha boa inversión?, incluso paréceme que é pedagóxico para o neno, claro, claro... lle respondo eu, lamentando o comentario.

CONTINUARÁ

Chuzame! chuzame -

2007-10-29

O Vixiante 2

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.02 pm

Mírome ao espello mentres me barbeo, toda esa escuma branca coidadosamente esparcida pola miña cara, parecendo un San Nicolás, coma todos os días, un día tralo outro, logo almorzarei as miñas tres ou catro torradas de manteiga e mel coa miña taza de café con leite, mentres vexo as primeiras novas na televisión, lavarei os dentes, vestirei o meu pulcro uniforme de controlador social e baixarei cun gran sorriso á rúa para esperar ao meu compañeiro de turno Manoel, ¡qué monotonía de vida!. Non debo ter este tipo de pensamentos, son demasiados negativos, so imaxinar que no traballo soubesen que teño ditos pensamentos me pon a carne de galiña, poderían considerarme un pre-asocial, e xa sabemos todos o que pode ocorrer cos pre-asociais, empezas cun cursiño obrigatorio de seis meses cunha equipa de psicólogos de endereitamento, para ao mellor rematar nun C.R.S. (Centro Reformatorio Social), onde quedas ata que a equipa o estima oportuno que pode ser dende un ano ata un período indefinido. Como lle pasou a Xosé, que lía libros da lista prohibida, creo que era dun autor do século XX, un tal Fromm, si Erich Fromm, e o título creo que era “o medo a liberdade”, non estou moi seguro, o caso é que agora está nun C.R.S.  e leva xa uns oito anos, e non vexo que exista moitas perspectivas de saír dalí, porque nos últimos dous comités de avaliación suspendéronno. A verdade é que os libros autorizados son moi poucos e bastantes aburridos, non me estraña que todos prefiran a televisión ou a I.M.G. (interactiva-media-game), na que podes xogar ou comunicarte con calquera persoa do mundo libre.

CONTINUARÁ

Chuzame! chuzame -

2007-10-25

O vixiante

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 4.21 pm

images3.jpg

Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., estaba a soñar, ¡maldito espertador!, Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi....,era un soño profundo, non me lembro moi ben, pero ¡onde carallo estará o condenado!, Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., deses soños que che deixan mal todo o que queda do día, vou ter que rematar por prender a luz, a min gústame apagar o espertador a escuras e logo enceder a luz, pero non o consigo nunca, Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., Pi Pi Pi Pi...., por fin xa o teño, ¡merda vai cara o chan!, cinco minutiños e prendo a luz, ¡qué ben se está na cama!, o meu pai sempre dicía e  con moita razón, que un dos mellores inventos da humanidade fóra a cama, aínda que supoño que dependerá do momento, ben agora si que teño que prender a luz.

CONTINUARÁ .......

Chuzame! chuzame -

2007-10-24

Maldita guerra

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 4.14 pm

images1.jpg

Maldita guerra, estou farto dela, desta trincheira aquí metidos nesta poza de lama e sangue levantando a testa de cando en vez para disparar un tiro ao baleiro e rezando para que ningunha bala perdida do inimigo nos dea . Penso nos meus, nos meus fillos a metade deles no estranxeiro, en Bélxica, en campamentos ou cunha familia, a miña muller soa co máis pequeno de dous anos. Non quixo irse, ten boas relacións coa igrexa mal será que lle pase nada. E eu aquí, miúdo nadal de merda. Non é co nadal me entusiasmara nunca moito, xa que son ateo, pero a Carmiña se que lle gustaba, non só porque ela si é católica, se non polos nenos, porque aínda que nunca sobraron os cartos sempre lles tiña feito a cada un a seu xersei de la. Merda esta bala rozoume a orella, aínda me está a pitar.

Ao meu carón hai un rapaz moi novo, non lle calculo máis de dezaoito anos, se é que os ten, está a tremilicar no chan, encollido non fixo ningún disparo nas últimas tres horas, ata creo que mexou por el. Eu non lle digo nada, isto non é lugar para ninguén, debería estar na súa casa axudando ao seu pai coa labranza, chámase Horacio. Ao fin é ao cabo para algo son o brigada, se de algo serve é para isto para tomarme certas licencias.

Os do outro lado deixaron de disparar e eu berro un alto ao fogo, non é cuestión de malgastar a munición, se eles deixan de disparar nos tamén. Sinto berros ao lonxe do lado inimigo – roxos de merda seguides alí- Claro que si fascista cabrón – lles contesto eu – xa sabemos que a vos isto do nadal non vos importa un carallo, pero se queredes paramos un anaco para celebralo, tendes tabaco? – Si, pero que nos dades a cambio – temos viño tinto.

Non sei como, pero de repente os de aquí e os de alá estabamos xuntos no medio do campo de batalla tomando viño deles e fumando o noso tabaco, ensinando as nosas fotos das nosas mulleres e fillos, rimos, cantamos e choramos xuntos toda a noite ata que ao día seguinte cada grupo recuperou a súa trincheira e volveu a disparar ao baleiro.

Chuzame! chuzame -

2007-10-18

Coleccionista de bicos

Publicado na categoría: Sen clasificar, apoemas — xanninguen @ 5.38 pm

 beso-blanco.jpg

Coleccionista de bicos. 

 Boto de menos algúns bicos do pasado,

 Gustaríame coleccionalos.

Bicos de automóbil gris,

 Bicos de automóbil fronte ao mar,

 Bicos de automóbil sen automóbil.

Boto de menos algúns bicos.

Gustaríame pechalos nunha caixiña

Ao carón dun reloxo de area.

Area desa praia de seguidores de Cristo.

Boto de menos eses bicos,

 Bicos crucificados nun acantilado,

Bicos escravos da túa alma,

 Bicos de rúa civilizada,

 Bicos na terra de ninguén.

Boto de menos eses bicos do pasado,

 Bicos sabor a mar,

 Bicos sabor a cereixas,

 Bicos sabor cervexa,

Bicos sabor a ti,

Bicos sabor a min,

Bicos sabor a nada.

Bicos sabor a bicos.

Se os tivera todos na caixiña,

 E puidese abrila tódolos días,

 Nunca a fecharía.

Collería bicos de todo tipo,

Porque son un bulímico de bicos,

 Bicos de peregrino,

Bicos da nosa patria,

Bicos de rúas namoradas,

Bicos de media noite, Bicos do corazón que latexa,

 Bicos de alianza eterna.

Boto de menos algúns bicos do pasado,

 Gustaríame coleccionalos.

Dáme un bico.   

Chuzame! chuzame -

Boas

Publicado na categoría: Sen clasificar — xanninguen @ 5.11 pm

Un saúdo a tod@s contacta Xan Ninguén no blogomillo, son anónimo porque quero potenciar o meu "eu" neste blogue, e para conseguilo quero desfacerme do meu "ego" cos seus susoditos roles vitais.

Chuzame! chuzame -

Ola Mundo!

Publicado na categoría: Sen clasificar — xanninguen @ 4.47 pm

Bemvido a blogaliza.org. A tua primeira anotacion. Podela editar, ou borrar. Faino, e comeza a participar no blogomillo!!

Chuzame! chuzame -

Outro habitante da Blogaliza correndo WordPress