Cidadán Anónimo

2007-10-29

O Vixiante 2

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.02 pm

Mírome ao espello mentres me barbeo, toda esa escuma branca coidadosamente esparcida pola miña cara, parecendo un San Nicolás, coma todos os días, un día tralo outro, logo almorzarei as miñas tres ou catro torradas de manteiga e mel coa miña taza de café con leite, mentres vexo as primeiras novas na televisión, lavarei os dentes, vestirei o meu pulcro uniforme de controlador social e baixarei cun gran sorriso á rúa para esperar ao meu compañeiro de turno Manoel, ¡qué monotonía de vida!. Non debo ter este tipo de pensamentos, son demasiados negativos, so imaxinar que no traballo soubesen que teño ditos pensamentos me pon a carne de galiña, poderían considerarme un pre-asocial, e xa sabemos todos o que pode ocorrer cos pre-asociais, empezas cun cursiño obrigatorio de seis meses cunha equipa de psicólogos de endereitamento, para ao mellor rematar nun C.R.S. (Centro Reformatorio Social), onde quedas ata que a equipa o estima oportuno que pode ser dende un ano ata un período indefinido. Como lle pasou a Xosé, que lía libros da lista prohibida, creo que era dun autor do século XX, un tal Fromm, si Erich Fromm, e o título creo que era “o medo a liberdade”, non estou moi seguro, o caso é que agora está nun C.R.S.  e leva xa uns oito anos, e non vexo que exista moitas perspectivas de saír dalí, porque nos últimos dous comités de avaliación suspendéronno. A verdade é que os libros autorizados son moi poucos e bastantes aburridos, non me estraña que todos prefiran a televisión ou a I.M.G. (interactiva-media-game), na que podes xogar ou comunicarte con calquera persoa do mundo libre.

CONTINUARÁ

Chuzame! chuzame -

Leave a Reply

Outro habitante da Blogaliza correndo WordPress