Cidadán Anónimo

2007-12-11

ALLONS ENFANTS DE LA PATRIE…

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.06 pm

 images1.jpg

Allons enfants de la patrie, le jour de gloire est arrivé… » François está borracho, vaia cogorza, que mais ten, pensa mentres intenta manterse en pé agarrado a un cubo do lixo, o meu presidente tamén bebe nas reunións transcendentais, non houbo máis que velo no G8 o contentiño que se puxo con Putin. Eu teño mais razóns ca el para facelo, pensa François sentado ao carón do cubo para plásticos dándose por vencido, renunciando a camiñar a curto prazo. Vinte anos, vinte anos na cadea de montaxe nesa fábrica de automóbil, a cambio que me deron? esta merda de hernia, unha carta de recomendación e á rúa coma un can. Disque é máis rendíbel facer os coches en Polonia que aquí, os soldos son máis baixos e os traballadores son máis competentes. Óense sereas de policía, xente berrando, hai lume, creo que están a queimar coches, seguro que está o meu fillo pequeno a meterse en problemas, non puidemos irnos do barrio, non vendimos o piso cando aínda había xente que o pagaba ben e agora ninguén che paga nada por el. Está invadido polos subsaharianos, seguro que o meu pequeno está con eles a tirar pedras á policía, non sería a primeira vez. Non fago obra del dende que o seu irmán morreu de sobredose. As drogas, foron a nosa ruína, elas e a morte da miña Alice, por isto tivemos que quedar neste barrio. Fronte a François hai unha valla electoral de Sarkozy, moitos dos meus compañeiros votaron a Sarko, pensa mentres volve a intentar pórse en pé, volve a desistir, as pernas non teñen forza suficiente e volve a sentarse ao carón do cubo amarelo. Dicían que Sarko ía pór orde e limpar as escolas de maleantes, dificultar que entren máis inmigrantes e refuxiados políticos e botar do país a todos aos que non están en situación regularizada, así por fin terán traballo os nosos fillos, en definitiva como dicía Albert por fin Franza para os franceses. Que pensarán agora de todo isto? Agora que lle teñen que dicir borrachos ás súas mulleres que quedaron sen traballo.

Chuzame! chuzame -

2007-12-03

Ser

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.20 pm

images.jpg

Sentada coa mirada baleira mira ao través do parabrisas, mira como as pingas de auga da chuvia van creando debuxos en perfecta harmonía. Está sentada ao carón deste home, un home que ata hai tres semanas non coñecía de nada, nin sabía da súa existencia. E agora é o seu amante e compañeiro de traballo, comerciais ámbolos dous vendendo liñas telefónicas nas empresas da comarca. Un home dez anos mais novo ca ela, fortemente perfumado e en mangas de camisa remangadas abstraído na condución do seu automóbil.

Mentres as pingas seguen a facer os debuxos no cristal, ela pensa no pasado, no pasado recente que aínda cheira a unha mistura de suor, fluídos da paixón e ambientador barato. E pensa no pasado máis  remoto, cando casou con Paco, aínda que nova e preñada, namorada, todo ía ben ao primeiro, todo era unha lúa de mel. Pero só ao primeiro, vivían no rural, onde a vila máis próxima estaba a corenta quilómetros, e un bo día ela atopouse encerrada na casa, facendo coladas, comidas, limpado e cosendo calcetíns sen outro divertimento que as telenovelas da tele e sen outra relación social que non fose a sogra e as cuñadas nas tempadas de caza ou de pesca, cando os homes desaparecían uns días das aldeas, anos despois descubriu que non só cazaban xabarís senón outro tipo de mamíferos hospedados nos clubes das estradas.

Un domingo, deses tantos aburridos, mirando os anuncios de emprego na prensa, viu a oferta de comercial, pagaban fixo, comisións e gastos para vender liñas telefónicas aos empresarios, foi como se as verbas da oferta tiraran dela, o seu corazón comezou a latexar desbocadamente cando colleu o bolígrafo para apuntar o teléfono para concertar unha entrevista, como se estivera facendo algo prohibido.

Só comentou o do traballo cando xa estaba incorporada, houbo moita bronca e algún que outro moratón, pero ameazou con irse e puido seguir, foi cando coñeceu ao seu compañeiro de ruta e agora amante. Quedan dúas curvas á dereita e estará na casa e non sabe que vai facer cando cruce a porta.

Chuzame! chuzame -

Outro habitante da Blogaliza correndo WordPress