Ser
Sentada coa mirada baleira mira ao través do parabrisas, mira como as pingas de auga da chuvia van creando debuxos en perfecta harmonía. Está sentada ao carón deste home, un home que ata hai tres semanas non coñecía de nada, nin sabía da súa existencia. E agora é o seu amante e compañeiro de traballo, comerciais ámbolos dous vendendo liñas telefónicas nas empresas da comarca. Un home dez anos mais novo ca ela, fortemente perfumado e en mangas de camisa remangadas abstraído na condución do seu automóbil.
Mentres as pingas seguen a facer os debuxos no cristal, ela pensa no pasado, no pasado recente que aínda cheira a unha mistura de suor, fluídos da paixón e ambientador barato. E pensa no pasado máis remoto, cando casou con Paco, aínda que nova e preñada, namorada, todo ía ben ao primeiro, todo era unha lúa de mel. Pero só ao primeiro, vivían no rural, onde a vila máis próxima estaba a corenta quilómetros, e un bo día ela atopouse encerrada na casa, facendo coladas, comidas, limpado e cosendo calcetíns sen outro divertimento que as telenovelas da tele e sen outra relación social que non fose a sogra e as cuñadas nas tempadas de caza ou de pesca, cando os homes desaparecían uns días das aldeas, anos despois descubriu que non só cazaban xabarís senón outro tipo de mamíferos hospedados nos clubes das estradas.
Un domingo, deses tantos aburridos, mirando os anuncios de emprego na prensa, viu a oferta de comercial, pagaban fixo, comisións e gastos para vender liñas telefónicas aos empresarios, foi como se as verbas da oferta tiraran dela, o seu corazón comezou a latexar desbocadamente cando colleu o bolígrafo para apuntar o teléfono para concertar unha entrevista, como se estivera facendo algo prohibido.
Só comentou o do traballo cando xa estaba incorporada, houbo moita bronca e algún que outro moratón, pero ameazou con irse e puido seguir, foi cando coñeceu ao seu compañeiro de ruta e agora amante. Quedan dúas curvas á dereita e estará na casa e non sabe que vai facer cando cruce a porta.
chuzame - 
2007-12-09 at 11.38 pm
Pois que marche, co rapaz noviño ou soa…que cada un se lave os seus
calzóns.
2007-12-10 at 4.53 pm
Totalmente dacordo conxurada, cada un ten que ser responsábel de si mesmo, porque ninguén
vai a vir (como ten que ser) a solucionarche a vida. Pero hai tanta mentira alí fóra,
e moita xente a segue a viver sen percatarse conscientemente de que a está a viver.
2007-12-17 at 12.32 am
Que arañeiras tan compricadas construimos os seres humanos, sempre suspirando pola liberdade e sempre atando nós mesmos a corda que nos corta o pulso.
2007-12-19 at 4.55 pm
Concordo totalmente contigo Doutora Seymour, cantas veces nos mergullamos
na inconsciencia para non ter que vivir en liberdade.