Cidadán Anónimo

2008-07-17

O Libro

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 1.13 pm

images1.jpg 

Joseph estaba a ler un libro e ao rematar o capítulo non puido deixar de lembrar aquela conversa con Aremol.

- Que tal de fin de Joseph?

- Ben, e ti que fixeches?

- Nada estiven na capital co mozo e fun a feira do libro.

- E mercaches algo?.

- Si, un libro dunha autora francesa non sei agora como se chama...

Joseph adiviñou que autora era sen mais datos, pero nese momento non lle saia o nome e só sabía que fixeran a película dunha das súas obras o cal llo perguntou a Aremol.

- Si, fixeron a peli dunha das súas obras, eu vin a peli pero o libro non o lin, so lin un de contos e agora merquei o último que publicou.

- Sabíao (exclamou Joseph con entusiasmo, o cal deixou algo desconcertado a Aremol e el cambiou de tema)

Dende aquela conversa, Joseph decidiu mercar o libro da peli e lelo, pensaba que así estaría un pouco máis próximo de Aremol. Aínda que era oíla falar e era verse a el mesmo, Aremol abría a boca para dicir algo que el mesmo non o houbera dito mellor, era como verse nun espello karmático. Pola súa experiencia Joseph sabía que non debía prestar atención a estes sentimentos que facían crer no da media laranxa e esas cousas e que segundo moitos autores eran froito do narcicismo. Pero Joseph non o puido evitar, non puido evitar sentir estes sentimentos intensos por Aremol, pero era realista e daba por suposto que so podería conformarse con estas pequenas cousas, esas coincidencias karmáticas e gozar so da súa compaña uns minutos ao día, entre outros moitos inconvintes porque Aremol estaba felizmente emparellada e non percibía que ela tivese os mesmos sentimentos cara a el.
Joseph decidiu proseguir coa lectura do libro e pensaba que polo menos recuperara o pracer de ler novela, xa que ultimamente non atopaba nada que lle entusiasmara...

Quero adicar este seudo contiño ás animacións á lectura de selva de esmelle.

Chuzame! chuzame -

2008-07-11

“IR INDO”

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 1.59 pm

images.jpg 

Pasárase todo o día discutindo na taberna co capitán do “Emprendedor”, porque este lle botaba en cara que non guiaba ben o seu navío. Xa co nome que ten, lle dicía, o “Ir indo”, quen lle pode pór a un barco “Ir indo”.
A verdade que estaba tocado, agora dende a súa máis cruel soidade, meditaba na discusión e non podía deixar de darlle a razón. O “Emprendedor” navegara na súa curta existencia por todos os océanos, e tiña un aspecto impecábel, mentres que o “Ir Indo” só navegaba na actualidade polo Cantábrico, o lugar máis lonxe onde estivera e xa vai disto 15 anos fóra no peirao do Pireo en Atenas. O volume de negocio, evidentemente era baixo, e isto quedaba reflectido no aspecto do navío e da súa tripulación.
Despois de baleirar unha botella de Vodka decidiu coller o barco, el so no medio da noite e deixar que o “Ir Indo” navegara sen rumbo fixo. Propuxérase partir de cero na primeira ría onde encaiase ou afundir ao fondo do mar se o destino así o decidira.
Perdeu a conciencia, despois de baleirar outras tres botellas da brebaxe nórdica, estivo nunha especie de coma etílico ao longo de varios días ata tal punto que non se percatara que o barco encaiara nunha praia dunha illa.
Levantouse a dor de testa era insoportábel, o sol pegaba forte a vista da praia era preciosa, e no fondo dela había unha rapaza duns vintecinco anos aproximadamente, mirándoo cunha man protexendo a vista do sol, e a outra facéndolle sinais para que se achegase a ela. Estaba confuso, a súa silueta resultáballe coñecida, colleu o pucho de capitán e baixou do barco e foi andando cara a rapaza, delgada, alta e desgarbada pero coa mirada máis bonita do universo, con sentimentos encontrados, entre nervioso e confuso, cando se achegou a ela recoñeceuna, era ela.

- Ola Joseph, lle dixo ela.
- Ola Aremol, dixo todo confuso o capitán do “Ir indo”
- Que tal estás?
- Confuso, onde estou?
- Nunha illa.
- Que illa?
- Na que todo é posíbel, incluso para a xente coma ti.
- Coma min?
- Si, os que deixan que a vida os devore.

Aremol fóra o seu amor secreto á que nunca lle dixo que a quería, porque era moito mais nova ca el e ademais tiña parella, pero non había día no que non desexaba bicala, abrazala. Montábase fantasías día si día tamén sobre como vivir un romance con ela, pero nunca lle dicía nada. E agora tíñaa diante del, non o podía crer.

- Capitán, capitán...esperte capitán....!!!
- Vaia cogorza colleu outra vez.
- Si a este paso quedamos sen choio nun plis!
- Que pasa?
- Temos unha viaxe capitán! Non se lembra?
- Que?....Onde estou?...Onde está Aremol?
- Are que? Capitán estaba soñando e está no barco no peirao de Vigo.
- Temos unha viaxe, ten que alistarse!
- Vale, vale todos aos seus postos xa vou.

En toda a viaxe o capitán Joseph non puido deixar de pensar no soño que lle producira o alcohol e prometeuse que á volta pintaría o “Ir indo” e chamaría a Aremol.

FIN.

Chuzame! chuzame -

2008-06-30

A tirita

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 6.29 pm

tirita.jpg 

- Véñote deixar este documento pedro, e de paso entrar no teu despacho para pórme unha tirita que estes zapatos estánme a matar coas vexigas.
- Pasa, entra.
Deume moita conversa mentres quitaba o zapato e puxo a tirita no pe (escea totalmente inocente e cheo de naturalidade que a min pareceume erótica), pero eu non estaba moi falador, tiña o día cargado de melancolía e parecía un saco baleiro de ledicia. Ela non tiña presa en irse, pero eu, maldita sexa non tiña conversa para darlle, foise.
Cantas veces desexei ter este tempo, e hoxe o desaproveito.
- Ben, déixote vou seguir cos recados.
- Chao, e coida ese pe.
Levo todo o día mirando os envoltorios da tirita que están no lixo.

Chuzame! chuzame -

2008-06-18

A danza

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 1.32 pm

images1.jpg 

Ela danzaba toda pintada de cor ocre no medio deses homes de cor espidos coa lanza na man.

 Estaban en círculo ao redor do lume, os seus egos xa non existían, eran unha unidade en si mesma.

 Non sei que me daba vela, estaba en extase, non se percatou que a estaba a mirar. Senteime e mirei o ritual dende a colina, berraban, berraban moi forte e de cando en vez facían movementos lascivos coa cadeira.

Ao primeiro sentínme incómodo, a miña mente occidental non era quen a comprender moi ben o que estaba a ocorrer, pero ao cabo duns minutos o meu pe movíase ao compás dos tambores.

Entón foi cando viu unha rapaza da tribu e me deu esa brebaxe que sabía a raios, e ao cabo duns minutos estaba espido bailando no círculo, seino porque mo contaron, porque para ser sinceiros eu xa non me lembro.

Dende ese día nada foi igual.........

Chuzame! chuzame -

2008-06-09

Que desexa?

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.35 pm

images.jpg 

Ola

Ola boas tardes. Desexaba?

Perdoe pero áinda desexo.

Pois, desexa entón?

Si

Si que?

Que si que desexo

Pero que desexa?

Bicala.

?

E que non me oíu?

Mire isto é un establecemento moi serio, por favor ou me di se desexa algo ou mellor váiase agora mesmo de eiquí!!!

Pero se xa llo dixen, desexo un bico seu.

Faga o favor de non molestar ou chamo ao encargado.

Por un bico?

Non, por molestar.

Dacordo deame douscentos gramos de xamón cocido entón.

FIN.

Adicado a todas as charcuteiras do mundo.

Chuzame! chuzame -

2008-05-14

O Soño

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 4.30 pm

 camhqg75.jpg

Manuel levaba todo o día sen poder deixar de pensar en Ana, non se falaba con ela dende había máis de cinco anos, pero tivera un soño ela estaba espida e achegouse a Manuel que estaba tumbado nun sofá foille baixando os pantalóns, os calzóns,quitoulle os calcetíns, quitolle a camiseta  ata deixalo espido de todo, ela baixiña e coas súas formas redondeadas, co seu cuiño respingón mirouno de pé antes de tumbarse riba del frotando o seu corpo, que para os seus case corenta anos todo hai que decilo aínda estaba ben. Nun dos rozamentos penetrouna como quen non quere a cousa, involuntariamente. O soño fora tan real que dende que espertou Manuel non puido pensar noutra cousa. Nunca pasara nada con Ana fóran bos amigos, é certo houbo algún que outro desexo por ambas partes pero non pasou do maxín e da linguaxe non verbal. Logo casaron, Manuel cunha curmá de Ana que por certo ela mesma lle presentara e Ana cun "homus idiotus" como lle gostaba a Manuel chamalo, porque era máis simple que o mecanismo dun chupete e ao que o único que lle interesaba eran os avances na tecnoloxía. Os anos foron pasando, e a relación enfriouse porque Ana cambiara demasiado transformárase nunha opositora a pequena burguesa cuxo único interese era decorar o seu duplex cada x tempo e Manuel, Manuel era un desastre de home, seguía anclado na utopía, un Peter Pan da vida, o seu problema é que non cambiaba e este mundo non estaba feito para el.

O caso é que todo día pensa que pensa no soño o que lle produxo varias ereccións espontáneas, pero tamén lle produxo a necesidade de pensar no significado do mesmo, de porque soñara dun xeito tan realista unha relación sexual cunha persoa á que na actualidade aborrecía, porque representaba todo o que el detestaba, polo que decidiu consultar diversos libros de autoaxuda que lle fixeron chegar a unha conclusión que non lle gostaba nada que ao mellor estaba a proxectar en Ana todo o que el detestaba de si mesmo, e que en realidade lle seguía gostando, que a seguía a desexar.

Manuel estaba desconcertado. Pensou, bah tonterías.
Esa noite fixo o amor coa súa muller, pero coa luz apagada.

Chuzame! chuzame -

2008-04-16

BLOGUEANDO E FIN

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 11.15 am

 images3.jpg

Querido Manuel,  

Non te quero ver, formas parte do pasado, doutra Alba que xa non son. Cando chamaches deixáchesme desconcertada, viñéronme moitos pensamentos aos miolos, como aquel día que me dixeches, que me insinuaches, que nos comunicamos o noso aprezo o un polo outro e nos abrazamos nese pub. Pensei en todos eses momentos que compartimos no meu piso  de estudante, entrelazados na miña cama soñando cun futuro compartido. Invadiron a miña testa todas as composicións á guitarra que che escribín, as tardes deitados nos prados do campus universitario, a tarde no que tomamos a substancia prohibida e non paramos de rir ata a noite.........

Pero agora Manuel, non te quero ver mais, estou casada, non felizmente casada, pero casada cun bo home, respectame e axúdame cando teño os brotes de esquizofrenia, grazas a el e a medicación vouno levando bastante ben. Falei de ti coa miña psicoterapeuta, e díxome que o mellor para min era non verte. Por isto che escribo esta carta, dicirche que xa non me adico á arte, era malo para á miña enfermidade, a última obra que vendín foi unha escultura que se chamaba o home incompleto, estaba adicada a tí.

Bueno Manuel, non quero que renuncies a saber de min se queres podes saber de min ao través do meu blogue, chámase o blogueando cos alteregos. FIN.

Chuzame! chuzame -

2008-04-08

BLOGUEANDO VII

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 12.13 pm

 images2.jpg

Ía un día caloroso e os prados do Campus Universitario estaban cheos de mozas e mozos tomando o sol dando o último repaso ás materias pendentes de exame. Quedaramos precisamente eiquí no Campus, no mesmo lugar onde a vira por última vez, onde a deixei abandonada á súa sorte, coma se abandona un can nunha gasolineira, porque tivera medo ao descoñecido, ao volátil, ao creativo, ao inestábel....En fín escollín a Catalina.

Cantas tardes de primavera temos pasado deitados na herba, ela tocándome a guitarra inventándome cancións personalizadas, tiña un feixe de cancións, no lugar de falarme cantábame, "Ola meu amor, doce amor, teu sorriso sabor licor...." Esa tarde fíxena sufrir, nunca pensou que a deixaría, o único que me puido dicer foi, "Es un capullo...", o cal non deixaba de ser certo.

Quedamos na mesma zona do Campus onde a vin por última vez, agora había un banco de pedra de cantería, senteime nel. Fronte a min unha parella estábase a bicar, non podía deixar de mirar para eles e ata sentín un pouco de envexa, xa pasaba dez minutos da hora acordada pero non daba sinais de vida.

De repente pareceu un mensaxeiro cun uniforme dunha empresa de mensaxería urxente, chamoume polo apelido e pediume que lle ensinase o DNI, ao cal accedín, fíxome firmar un albarán de entrega e deume un enorme paquete. Pergunteille quen llo dera, ao que me contestou escapando cara o coche, unha muller.

Abrín o paquete era unha guitarra vella sen cordas e dentro dela había unha carta.....

 

CONTINUARÁ

Chuzame! chuzame -

2008-04-02

Blogueando VI

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 3.53 pm

images1.jpg

Non podo deixar de mirar para o móbil, non para de sonar, éche persistente, a verdade é que sempre o era. Os compañeiros empezan a mirarme con mala cara por non descolgar o aparello. Voume ao baño, métome nun retrete e péchome, síntome coma un adolescente, o meu corazón latexa tanto que teño medo ter unha taquicardia.Vouno coller. Si. Mira é que teño unha chamada perdida deste número, en realidade teño trinta seis chamadas perdidas, e aínda que non coñezo o número, ten que ser importante, porque se non fose importante, ou unha equivocación quen ía chamar trinta e seis veces, pensei, e aínda que fose un erro, ten que ser algo importante, pode ser unha emerxencia, en fin, que ao mellor podo axudar.... Agradecía este monólogo, porque eu non sabía que contestarlle.... Segue alí...., ola....., Si volvín a contestar. Coñézoo....Si. E quen es?...ola....Son eu, necesitaba falar contigo Alba. Ao outro lado da liña fíxose un enorme silencio que delataba que se dera conta de quen era. Ola, insistín... Segues alí.....Por qué me chamas despois de quince anos? E unha historia un pouco longa pero gustaríame quedar e cha conto. Quedamos hoxe? Que presas pensei eu, a verdade e que ela era así, todo tiña que ser aquí e agora, e como Catalina ía chegar tarde á casa lle dixen que si.

Chuzame! chuzame -

2008-03-25

Blogueando V

Publicado na categoría: Un contiño — xanninguen @ 5.41 pm

Intentei voltar ao blogue do "alter ego" pero por moito que tecleara o enderezo en google non saia nada. Desapareceu como por arte de maxia, coma se nunca existira, ata dubidei de que todo fose real, de que ao mellor todo fora froito do meu maxín. Pero non había máis que mirar a cara de xenreira que me botaba a compañeira de traballo coa que discutira aquel día para confirmar que todo fora moi real.

Entón cando xusto ía empezar a traballar, que por certo hora ía sendo, empezou a sonar o meu móbil, era un número fixo sonábame moito ese número, pero a priori non sabía de quen podía ser, ata que merda, dínme conta que era o de Alba, ao que estivera chamando o outro día de xeito compulsivo e colgaba, e foi cando me din de conta do idiota que fora ao chamala dende o meu móbil, o seu teléfono debía de ter un rexistro de chamanda viu as chamadas perdidas (unhas doce creo), e claro está a chamar para sabe de quen son...

Non sei que facer collo, si debería collelo, non  non o collo, seguro que desiste e xa non chama mais, pensa que foi un erro e xa non chama mais. Ben parou de sonar. O meu corazón latexa a toda velocidade, estou a suar, vou traballar....

Estaba mergullado no traballo, xa tiña conseguido esquecer o mal trago que pasara co móbil cando, merda voltou a sonar, mirei con desconfianza a pantalla, e suspirei puña Catalina, collín o teléfono..

- Coma tardaches tanto en coller o teléfono?

- Estaba liado co traballo.

- Atópaste ben, noto a túa voz temblorosa.

- Nada o estrés.

- Nada dicirche que vou chegar tarde esta noite, teño que ir á casa dos meus pais á miña nai está de novo enferma.

- Vaia síntoo, pois nada cearei sen ti, bicos.

Acto seguido voltou a sonar o móbil, merda e o número de Alba.....

CONTINUARÁ.....

Chuzame! chuzame -

Outro habitante da Blogaliza correndo WordPress